Saturday 18 de May de 2024

As axudas da PAC para agricultores e gandeiros mobilizaron o ano pasado 5,3m€ en máis de 1.350 explotacións na comarca de Ferrolterra


A Consellería de Medio Rural iniciou o prazo de solicitudes para os pagamentos directos e as axudas ao desenvolvemento rural para este ano no marco da Política Agraria Común (PAC)

O delegado territorial da Xunta, destacou en San Sadurniño o compromiso da Xunta de Galicia con este concello no que investiu máis de 2,2M€ a través dos distintos programas, axudas e actuacións que se executaron no ano 2018.

O representante do goberno autonómico afirmou que todos os municipios son prioritarios e por iso a Xunta está presente tanto a través do apoio directo aos concellos, como a través da mellora das infraestruturas públicas como apoiando á iniciativa privada.

Ovidio Rodeiro realizou estas declaracións durante a visita a unha explotación gandeira en San Sadurniño, beneficiaria das axudas da PAC de extensificación agroambiental, ademais é beneficiaria de axudas de incorporación de mozos e para modernización de explotacións. En total, nos últimos anos recibiu achegas de máis de 100.000 euros.

Os agricultores e gandeiros de Galicia poden dende o pasado venres, 1 de febreiro, iniciar os trámites que regulan a aplicación dos pagamentos directos ás súas actividades e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control no marco da Política Agraria Común (PAC) para o ano 2019. O prazo de presentación da chamada solicitude única está aberto ata o día 30 de abril.

O delegado territorial da Xunta destacou que “para as zonas rurais, estas axudas son as máis importantes tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento”.

Rodeiro informou que tan só na zona de influencia de Ferrolterra as axudas da PAC, orden que inclúe tanto os pagos directos á agricultura e os gandeiros como as axudas ligadas ao desenvolvemento rural, chegaron, en 2018, a máis de 1.350 agricultores e gandeiros, cun investimento de arredor de 5,3M€. A nivel provincial, 11.588 agricultores e gandeiros da Coruña percibiron máis de 50 millóns de euros desta orden con dúas liñas de axudas.

Ovidio Rodeiro tamén apuntou que neste municipio, a través do goberno autonómico, a maior parte do esforzo inversor realizouno a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun investimento total máis de un millón de euros en obras na AG-64. Ademais, destacou “o peso que tiveron as axudas da Consellería de Medio Rural que chegaron a 675.000 euros, so as achegas da PAC no 2018 contaron cun investimento de máis de 453.000 euros para chegar a 91 beneficiarios”.

Igualmente resaltou o apoio ás políticas sociais cos pagos destinados a axuda a domicilio de máis 194.000 euros para atender a 43 beneficiarios.

Outra das partidas importantes que recibiu este concello foi o Fondo de Cooperación Local que supera os 200.000 euros. Este fondos se transfiren directamente aos gobernos locais para que fagan un uso non finalista e para que sexan xestionados e tramitados por eles mesmos.